Thursday 25 de April de 2024

O BNG impulsa a convocatoria dun Pleno Extraordinario sobre a situación da UA16


– A Xustiza declara “non conforme a dereito” a resolución dictada pola alcaldía en xaneiro de 2017 sobre a UA16.

– Os terreos son causa de varias controversias e causas xudiciais, que afectan ao ex-alcalde Julio Sacristán e ao empresario inmobiliario Antonio Fontenla.

– A iniciativa está asinada por concelleiros e concelleiras dos 3 grupos da oposición, que superan o número legal esixido para a convocatoria dunha sesión extraordinaria.

O BNG, xunto cos restantes grupos da oposición municipal, presentou por rexistro solicitude para a convocatoria dun Pleno Extraordinario para que o Goberno Municipal dé explicacións da situación da Unidade de Actuación 16 (UA16), en Vilaboa.

A solicitude está motivada ao declarar a Xustiza “non conforme a dereito” a resolución adoptada pola alcaldía do Concello de Culleredo o 25 de xaneiro de 2017, sendo o actual alcalde Tenente de Alcalde con Julio Sacristán.

Queda así sen efecto a aprobación definitiva do proxecto de bases e estatutos da xunta de compensación de dita unidade, polo que é preciso aclarar públicamente cal é a situación deses terreos, que son motivo de varias controversias e causas xudiciais, nas que se viron salpicados persoaxes como o ex-alcalde Julio Sacristán ou o empresario inmobiliario Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios.

Os e as concelleiras que asinan o escrito, impulsado polo BNG após reunirse coas persoas afectadas, demandan a posta a disposición de todos os grupos do Pleno Municipal dos expedientes relacionados coa UA16, así como os convenios que poida haber con propietarios anteriores ou posteriores.

Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño,”estamos ante unha mostra máis dos escuros intereses que parecen gobernar o urbanismo en Culleredo, que nos leva a estar rexidos por un Plan Xeral totalmente desfasado”.